segunda-feira, 19 de abril de 2010

A Goa musical de Reginaldo Fernandes por Xosé Lois Garcia

Unha cidade india de cultura portuguesa

Reginaldo Fernandes é un dos músicos da cidade de Goa máis destacábeis do século XX. A súa achega á Lusofonía é moi destacada.

Goa, aquela ex colonia portuguesa da India, foi un enclave privilexiado para a mercadoría colonial que os portugueses abriron en Oriente. Naquela minúscula colonia concentrouse un enorme volume do comercio. Foi punta de lanza dos misioneiros que abriron varias frontes co proselitismo católico en Asia e, tamén, centro de cultura dos nativos que os primeiros colonizadores portugueses percibiron de inmediato, como Afonso de Albuquerque: “São muito agudos e tomam bem quanto se lhes ensina”. Mais concreto e rotundo foi José Bossa: “A inteligência teve sempre, con efeito, na Índia Portuguesa cultores apaixonados, fulgurando alguns nomes de naturais deste Estado entre os mais brilhantes homens de letras da língua de Camões”.
Estas citas sitúannos no punto álxido da cultura e das artes que viviu Goa, na súa remitencia á cultura india mais que á de filiación portuguesa. Nese mosaico híbrido xurdiron grandes cultores circunscritos á India. A música foi un deses portentos que asistiu na Goa colonizada. Os orixinarios de Goa e os seus contornos cultivaron a música popular e tradicional mentres que os portugueses a eclipsaron por medio da música relixiosa e daqueles enormes órganos barrocos que tiña cada unha das igrexas de Goa. Foron famosos os seus organistas, como João Aristides da Silveira, falecido en 1926 con mais de 80 anos de idade. Fíxose famoso como compositor e organista da Sé Patriarcal de Goa, gozando de privilexios e dunha enorme estima no contorno relixioso e aristocrático da colonia.
Mais os temperos musicais da Goa portuguesa non foron exclusivos da Igrexa colonizadora que non puido impor a súa obsesiva castración. Mostra diso é a presenza de Basílio Reginaldo Francisco Fernandes, coñecido como Reginaldo Fernandes, natural da poboación goesa de Siolim, onde naceu en 1914. Era fillo do famoso músico popular António Caridade Fernandes, compoñente da notábel Orquestra G:I:P. Rly. Fernandes viviu nun ambiente musical moi ben connotado na música orientalista e tivo, a mais de seu pai, a un enorme mestre da musica de Goa como foi Zeferino Caetano da Cruz, da Orquestra Gaekwar da poboación de Borodá. En 1932 conseguiu veciñanza na India co fin de introducirse na música orixinaria indúe. Foi un dos notábeis músicos da banda de música de Maharaja, no Estado indiano de Palitana. Admirado como un dos grandes concertistas de violín que tivo Goa no século XX. Reginaldo Fernandes practicou a música tradicional en orquestras famosas baixo a batuta de directores famosos e ao lado do pianista Willie Day. O talento creativo e musical de Fernandes foi presentado en dous filmes indios sobre a música goesa anterior a 1961, ano en que a India integrou pola forza este territorio colonial.

Sem comentários:

Enviar um comentário